Bos días desde Manzaneda:
Os domingos son días para tomar as cousas con calma, facer limpeza na casa, quedar cos amigos para tomar o vermú ou coa familia para comer. Neste 1 de outubro tócanos tamén facer balance dos primeiros días do noso crowdfunding en Goteo e non podemos estar máis agradecidas. Neste momento superamos xa os 600 euros polas aportacións de 20 mecenas, entre os que estás ti. De verdade, moitísimas grazas. Sabemos que queda camiño por percorrer, pero isto dános moitas esperanzas de conseguir o noso obxectivo.
Ademais de pasar por aquí para agradecerche a túa colaboración queremos que estas comunicacións axuden a que coñezas un pouco máis do noso proxecto. Estes días andamos moi atarefadas porque son semanas nas que hai que pór todo a punto para o castañal. Toca limpar os soutos coa rozadora para que cando caian as castañas non se nos perda ningunha en medio dos fieitos ou outro tipo de herba.
Esta semana tamén carretamos a leña dende o monte ata a nosa nave. Alí empregarémola para alimentar o sequeiro cando se poña en marcha. Os detalles de como funciona contarémoschos dentro dunhas semanas.
Para nós o inicio de outubro sempre é sinónimo de esperanza e nervios. O certo é que as últimas campañas foron terribles, con pouquísima produción, pero non perdemos a ilusión. Ogallá poidamos contarvos que este ano, por fin, houbo unha boa colleita. Ata a próxima!
Grazas por colaborar no crowdfunfing de Amarelante. Podes seguir axudándonos compartindo o proxecto nas túas redes sociais e canais de mensaxería.
Natalia, Marcos, Sonia, Óscar, Iria, Davide, Luz e Lito.