Bo día desde Manzaneda!
Seguimos inmersas no castañal e xa temos a maquinaria funcionando a tope, así que nos parece un bo momento para falarvos de como é o proceso de secado da castaña.
Unha vez que a castaña fresca entra na nave, metémola no noso sequeiro empregando unha cinta mecánica. O sequeiro ten capacidade para uns 9000 quilos de castaña, que tardan entre 8 e 15 días en secar, dependendo da humidade, a temperatura exterior, etc.
O noso sequeiro funciona cunha caldeira de leña, pero as castañas non as secamos con fume, senón con aire forzado, que acada unha temperatura de arredor de 35 graos. Decidimos empregar este tipo de caldeira para poder alimentala coa leña que obtemos da demouca. Deste xeito, aproveitamos a tope todos os recursos que nos ofrece o souto. Unha vez que a castaña está no seu punto óptimo de secado, pasa á peladora.
A peladora funciona mecánicamente de xeito similar a unha lavadora: as castañas introdúcense dentro dun cilindro metálico que as abana. Este cilindro ten saídas de distinto calibre e, deste xeito, as castañas saen da peladora xa separadas por tamaños.
O seguinte paso é a detección de “defectos”: as castañas introdúcense nunha máquina que, a través dun sistema de láser, detecta as que quedaron sen pelar ou as que teñen algún defecto, separándoas.
Para rematar, esta castaña xa escollida sométese a un último control de calidade que neste caso se realiza de forma totalmente manual: somos nós as que revisamos que cheguen ao paquete ben bonitiñas e apetecibles.
Finalmente, soamente queda envasalas ao baleiro e metelas nas caixas para que cheguen ás vosas casas en perfectas condicións e poidades conservalas moito tempo.
Que vos parece? Pensabades que este proceso era así ou imaxinabádelo distinto?
Grazas por colaborar no crowdfunfing de Amarelante. Podes seguir axudándonos compartindo o proxecto nas túas redes sociais e canais de mensaxería.
Natalia, Marcos, Sonia, Óscar, Iria, Davide, Luz e Lito.