Boas desde Manzaneda:
Como foron estes días? Sabemos que temos mecenas en Trives, Laza ou Ourense, pero tamén en Ferrol, Lugo, Santiago, Barcelona ou Sant Cugat del Vallès. Moitisimas grazas a cada un de vós por colaborar no noso proxecto. Superamos xa o 55 % do mínimo e, cada día que pasa, estamos esperanzadas de conseguir o obxectivo. É moi ilusionante que dende puntos tan diferentes haxa persoas que apoian o noso proxecto.
Por aquí andamos ultimando os detalles para o castañal e preocupadas por esta calor. Si, estas temperaturas son totalmente anormais para esta época do ano e, de seguir así, afectará (de novo) á colleita. Tamén continuamos elaborando as nosas bicas de castaña, á que podemos considerar o noso produto ‘estrela’.
A bica de castaña Amarelante é a reinterpretación desta sobremesa típica de diferentes zonas de Ourense (como Trives, Castro Caldelas ou Laza) á que lle engadimos o ‘noso’ toque. Imaxinas cal é? Pois lóxicamente fariña de castaña, un ingrediente que fai mudar o seu sabor, cun resultado espectacular (si, nisto varremos para casa porque a nós encántanos).
A presentación da bica é nunha caixa de 800 gramos, pero tamén dispomos dun mini-formato perfecto para un detalle de voda, aniversario ou para levar de agasallo se andas de viaxe por estas terras.
Nas imaxes podes ver parte do proceso de elaboración da bica no noso obradoiro. Ata a próxima!
Grazas por colaborar no crowdfunfing de Amarelante. Podes seguir axudándonos compartindo o proxecto nas túas redes sociais e canais de mensaxería.
Natalia, Marcos, Sonia, Óscar, Iria, Davide, Luz e Lito.