Xa pasou tempo dabondo dende a última vez que escribimos sobre a reforma.
Seguramente vos preguntedes como está avanzando este proceso, como está sendo ou "como vai a cousa"?
O certo é que diariamente recibimos o voso "feedback", as vosas felicitacións e o voso apoio e unha vez máis insistimos en que sen vós non sería posible todo isto!
Amosamos unhas fotografías do local de antes VS o actual e, como podedes apreciar está ben distinto. Xa non ten esa moblería que impedía que as nosas pícaras correran con liberdade polo seu espazo, temos unha instalación eléctrica en condicións e un labor de albanelaría que achegan esas pinceladas deste proceso de engadirlle "Cor ás Seteportas".
Nestas semanas pasadas, un electricista, dedicou horas e horas a pensar e amañar a electricidade do local. Unha persoa que foi exemplo de compromiso e vontade á que cansamos de tantas grazas que lle demos: "como me volvades a dar as grazas voume!", dicíanos sempre. Se nos les, dende aquí berramos por todo o alto que formarás sempre parte de nós e que estaremos eternamente agradecidas!
Diego, o noso albanel, tamén demostrou entrega e paixón polo seu labor incansable por retocar cada unha das esquinas do noso espazo.
E a vós, cofinanciadoras, queremos facervos saber que somos crentes de que as experiencias e as vivencias forman parte da nosa esencia e esta é a que temos que mostrar como mostra da nosa calidade humana.
Grazas por construír con nós este proxecto e darlle cor ás Seteportas. Formaredes parte da nosa historia para sempre.
Quédanos moi pouquiño para chegar ao óptimo, falta un último esforzo que entre todas e todos podemos conseguir. Compartide coas vosas amizades.
Estamos construíndo algo moi lindo.
Boa estrela ⭐