Na madrugada do 12 de agosto de 1975 é asasinada a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza. Ramón Reboiras Noia, con só 25 anos, sufriu múltiples disparos da policía no portal número 27 da rúa da Terra de Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.
O réxime era sabedor das grandes habilidades de Reboiras para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba. Este será pois o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco.
'Reboiras. Acción e corazón', será a primeira película sobre Moncho Reboiras e o seu obxectivo é levar á pantalla un retraro fiel deste loitador. A súa vida e o seu pensamento serán recreados a través de entrevistas a máis de 15 testemuñas que partillaron diversas etapas da vida con Reboiras.
O proxecto conta xa cunha axuda da Deputación da Coruña, outorgada en concorrencia competitiva, que financia unha parte dos gastos acumulados do proxecto. Estrearase en 2020, cadrando co 45 aniversario do seu asasinato.
Main features and goals of the crowdfunding campaign
A memoria de Reboiras constrúese a través da gravación e recompilación de diversos materiais:
- Máis de quince testemuños de persoas que coñeceron persoalmente a Reboiras e partillaron con el vida persoal e ou política.
- Recreación de momentos clave na súa vida como a fuxida do 12 de agosto ou os últimos momentos no portal.
- Materiais de arquivo xa existente e documentos recollidos a través do traballo de investigación para a realización do guión
- Os espazos que Reboiras habitou, nos que se realizarán parte das entrevistas e inspirarán os escenarios dos fragmentos reconstruídos.
Why this is important
A motivación principal é crear a primeira película sobre Ramón Reboiras Noia. A fundación Terra e Tempo atopa necesario realizar esta peza para dar a coñecer un anaco da nosa historia recente. Un exercicio de xornalismo, investigación e creación cinematográfica que facilita o acceso cidadán a arquivos históricos e impulsa a investigación do noso pasado e presente.
O público potencial é a sociedade galega en xeral, especialmente aquelas persoas con inquedanzas sociais e históricas.
Team and experience
Guión e dirección: Alberte Mera. É licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, con especialidade en Guión e Dirección Audiovisual (2009) e ten un mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago de Compostela (2010). Actualmente é xornalista en Sermos Galiza e ten desenvolvido a súa carreira profesional como consultor de comunicación e deseño, realizando traballos para a Universidade de Vigo e diversas empresas consultoras. Será o quinto filme documental que dirixa após as curtametraxes Camiño da Memoria (2011) e Deixádeas Pasar (2012), e as longametraxes Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013), as dúas últimas tamén producidas pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e publicadas en libro-DVD.
Produción executiva: Roberto Vilameá. Presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas
Dirección de fotografía: José Aragunde
Dirección de produción: Xosé Lois Ledo. Xerente de Nós, produtora cinematográfica galega
Coordinación de produción: Irene Pin. Licenciada en comunicación audiovisual especializada en xestión cultural
Son e posprodución de audio: Marcos Paino. Técnico de son.
Edición: Marco Outeiro e Alberte Mera
Etalonaxe: Numax
Deseño gráfico: Patricia Cid. Deseñadora multimedia
Deseño web: Daniel Chaves. Deseñador multimedia
Ilustración: Pablo Prado
Comunicación: Paula Cermeño. Xornalista especializada en difusión cultural
Asesores históricos: Uxío Breogán Diéguez, investigador e profesor na Universidade da Coruña e Xoán Carlos Garrido, investigador e profesor.
Produce: Fundación Terra e Tempo
Colabora: NÓS Produtora Cinematográfica Galega