Un local para botar raíces, un espazo onde os coidados se sitúen no centro, un lugar onde construír un futuro en comunidade e na procura do benestar. Este proxecto baséase na adquisición do local que actualmente alugamos para consolidar e estabilizar este recurso comunitario en saúde mental e inclusión social. Este 2026 temos a oportunidade única de mercalo, se non é este ano, non será nunca. Actualmente estamos cun aluguer con opción a compra que remata o 31/01/2027. Tan só se o compramos antes desa data poderán ser descontadas a metade das cotas xa pagadas.
IMPACTO
- Consolidación e estabilización dun recurso comunitario.
- Facilitación da continuidade dos procesos de inclusión social.
- Ampliación e fortalecemento do vínculo coa comunidade e do traballo en rede.
- Creación de redes colaborativas máis sólidas e activas.
- Aumento do número de persoas que se benefician dos servizos da entidade.
- Maior visibilidade da saúde mental e da exclusión social.
- Maior eficiencia nos tempos e nos recursos.

Este espazo é dende onde se lanzan todas as accións e proxectos para as catro provincias, en contornas urbanas e rurais, pois, ademais de en Vigo, temos presenza en Santiago (A Coruña), Monforte de Lemos e Sober (Lugo) e Cortegada e Padrenda (Ourense).
Esta compra, ademais, supón unha inversión a longo prazo que reduce custes estruturais, reforza o traballo en rede e amplía o impacto social da entidade no territorio.
Main features and goals of the crowdfunding campaign
Esta campaña persegue a consecución dun local propio, accesible e especificamente adaptado á intervención social individual e grupal, o que garante un espazo estable que elimina a incerteza asociada aos alugueres e asegura a continuidade dos proxectos no tempo. Localízase a pé de rúa, o que favorece a visibilidade da entidade e fortalece a conexión directa coa comunidade, contribuíndo á normalización e visibilización da saúde mental. Ademais, este local convértese nun recurso base para a intervención social en toda Galicia, facilitando o traballo en rede coas distintas delegacións da entidade nas provincias galegas. Todo isto desde un enfoque integral centrado na saúde mental, a inclusión social e o apoio ás familias coidadoras.
OBXECTIVOS
- Consolidar un recurso comunitario, estable e accesible.
- Garantir a continuidade dos procesos de inclusión social.
- Ampliar o número de persoas beneficiarias dos proxectos de Xaruma.
- Reducir custes estruturais e mellorar a eficiencia dos recursos.
- Visibilizar a saúde mental e contribuír á ruptura do estigma.
- Fortalecer o traballo en rede e as alianzas comunitarias.
Falando de números, xa levamos parte do camiño andado e contamos co 37% do importe do local xa financiado. Esta financiación provén da devolución da metade das cotas de aluguer xa pagadas, da devolución das fianzas pagadas ao inicio do contrato e dunha subvención da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Un 2% será aportado polos ingresos propios da entidade obtidos mediante accións formativas. O 58 % será facilitado por Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros como préstamo. O 3 % do importe do local é o que pretendemos conseguir mediante esta campaña.

Que pasa se conseguimos máis do 3%? Poderemos reducir o importe do préstamo a solicitar e pagar unha cota máis reducida os próximos anos, que fará que podamos crear novos proxectos e retos para a entidade.
Se chegamos a 18.000 € -> Reduciremos 100 € da cota a pagar do préstamo.
Se chegamos a 30.000 € -> Reduciremos 200 € da cota a pagar do préstamo.
Se chegamos a 42.000 € -> Reduciremos 300 € da cota a pagar do préstamo.
Se chegamos a 60.000 € -> Reduciremos 300 € da cota a pagar do préstamo e 3 anos do período de pago.
Se chegamos a 100.000 € -> Pagaremos o préstamo en tan só dous anos.
Se chegamos a 127.250 € -> Poderemos mercar o local sen préstamos.
Para esta compra, tamén necesitaremos a colaboración de avais mancomunados. O 25 % do préstamos solicitado deberá ir garantido mediante avais mancomunados, que é unha forma de garantía compartida na que varios avalistas respaldan unha deuda, pero cada persoa responde unicamente por unha parte proporcional e específica do total, nunca da totalidade da deuda. Se a persoa deudora principal incumple, o/a acredor/a tan tó pode reclamar a cada avalista a cota asignada, limitando enormemente o risco financeiro. Podes informarte e colaborar aquí: https://xaruma.org/avais-mancomunados/. Creamos unha recompensa específica de 1€ para as persoas que queiran colaborar por esta vía.
Xaruma vén de aruma, arume… Significa aroma, cheiro de fragancia, bo olor, algo que queda… Cunhas gotiñas, arrecende.
O noso principal obxectivo como entidade é fomentar a saúde mediante a formación para diferentes idades e de integración e promoción da saúde emocional e mental para persoas con trastornos mentais e as súas familias. Actuamos en 6 áreas: integración, formación, participación, dinamización lingüística, emprego e igualdade.

Contamos con certificado de calidade ISO 9001 co alcance:
- Actividades dirixidas á integración social de persoas con discapacidade no ámbito da saúde mental.
- Deseño e impartición de accións formativas non regradas para a integración social e laboral de persoas con discapacidade.
- A promoción de actividades de participación cidadá mediante a animación sociocultural e o voluntariado.
No apartado web de Transparencia da nosa web pódense localizar as últimas memorias de actividades e económicas, así como os principais proxectos e a programación para o ano en curso.
Os nosos principais proxectos son:
- Naturalmente: proxecto de acompañamentos, respiros familiares e fomento da vida autónoma.
- Fiares: proxecto de intervención familiar en saúde mental.
- Mentalízate: proxecto de inserción prelaboral e sociolaboral e intervención na comunidade.
- Mulleres en acción e Voces Moradas: proxecto de apoderamento feminino en saúde mental.
Why this is important
A necesidade deste proxecto xorde da falta de espazos estables e adecuados para a intervención social en saúde mental, igualdade e inclusión social. Pero tamén xorde da escasez de recursos de apoio a familias e persoas coidadoras. A adquisición deste espazo permite asegurar unha contorna segura, acolledora e funcional.
Xaruma realiza a súa acción mediante proxectos de iniciativa social que van destinados principalmente aos ámbitos da saúde mental, igualdade, inclusión social e comunidade, sen esquecernos que dentro de este gran abanico tamén se atopan as persoas coidadoras, moitas veces esquecidas.
A saúde mental é algo máis que a ausencia de trastornos mentais: é un estado de benestar no que a persoa realiza as súas capacidades e é capaz de facer fronte á tensión normal da vida, de traballar de forma produtiva e de contribuír á súa comunidade (Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024).
- O 21,6 % da poboación galega presentará algún trastorno mental ao longo da súa vida. Se elevamos esta cifra ao mundo, a porcentaxe será do 25 %.
- Estímase que, o 70-75 % restante coñecerá os trastornos mentais pola presenza deste en familiares e/ou amizades. Estes trastornos afectan a persoas de calquera idade, condición económica, nivel educativo ou cultural.

Os nosos proxectos van dirixidos a:
- Persoas con trastornos mentais. En Galicia, o 21,6 % da poboación terá un trastorno mental ao longo da súa vida.
- Familias das persoas con trastornos mentais. O 85 % dos coidados en saúde mental recaen sobre a familia. A maioría, sobre as mulleres.
- Voluntariado, que pode exercer a súa labor en todos os proxectos da entidade.
- Comunidade e alumnado, mediante as accións de divulgación, formación e dinamización.
A nosa principal motivación é seguir garantindo o benestar psicosocial das persoas con e sen trastornos mentais, creando proxectos que promovan a transformación social.
Team and experience
No ano 2024 lanzamos unha campaña de crowdfunding mediante a cal anunciabamos que tiñamos que cambiar de local e solicitabamos doazóns para facer fronte ao novo aluguer e reforma. Facíamolo como a nós nos gusta, dende o humor, pese a que a realidade non era tan graciosa. Aínda nos rimos a día de hoxe desa curta que gravamos para explicalo. Esa campaña foi un éxito, obtendo o 115 % mediante 44 persoas financiadoras que creron en nós, no noso proxecto e na necesidade de continuar.
Este ano damos un paso máis, pois seguimos contando cun equipo profesional estable, especializado e comprometido, con ampla traxectoria na intervención social.
Ademais Xaruma conta tamén cun piso de autonomía, unha furgoneta adaptada e varias delegacións en Galicia (Santiago, Monforte e Cortegada), o que permite unha intervención territorial ampla e coordinada. A experiencia acumulada, xunto coa forte rede de colaboración comunitaria, garantiza a viabilidade e o impacto real deste proxecto.

Queres saber algo máis da nosa traxectoria?
A andadura de Xaruma remóntase ao ano 1996 en forma de escola de tempo libre. Ao ver a gran necesidade de intervención en saúde mental que existía xa nesa época, a entidade comeza a traballar dentro do ámbito e cunha perspectiva baseada na animación sociocultural. Nun desexo de profesionalización máis alá da educación non formal e de acceso a máis recursos, no ano 2010 a entidade convértese tamén en asociación sen ánimo de lucro prestadora de servizos sociais.
2010: Xaruma nace co proxecto Naturalmente. Accións relacionadas principalmente co ocio saudable e cos respiros familiares.
2013: obtemos a cesión do espazo exterior. Incorpóranse as hortas como espazo terapéutico. Xaruma triplica o seu número de actividades e persoas participantes.
2016: os proxectos aumentan en número de persoas beneficiarias e en implicación horaria. Realizamos respiros no verán de ata 5 semanas.
2020: apostamos por comezar a reformar o piso de actividades. Auméntase o número de actividades de vida autónoma. Inícianse intervencións tamén en Santiago de Compostela. Obtemos o noso primeiro certificado de calidade. Nace o proxecto Fiares para intervir coas familias. A pandemia deixou moitas feridas nas persoas que coidan.
2023: empezamos a traballar en dous espazos (piso e local) para poder abrir a lista de espera. Creamos un novo grupo de persoas menores de 30 anos.
2024: confírmannos que o centro no que estabamos, pechará as súas portas. Buscamos novo local. Empezamos proxectos noutras áreas (Monforte e Cortegada), polo que temos presenza nas catro provincias. Compramos unha furgoneta adaptada para mellorar e facilitar as intervencións. Conseguimos o certificado de utilidade pública.
2025. Mudámonos de local. Seguimos camiñando.
Axúdasnos a facer este soño realidade? Podes participar na campaña coa cantidade que queiras e podas, e se non podes, axúdanos a difundir. Que as nosas voces cheguen a máis persoas.